Nicandro Ares converte Lugo na capital da toponimia

maría caravel

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

31 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O salón de actos do Seminario de Lugo foi escenario onte á tardiña da presentación de dous volumes de case 1.500 páxinas que conteñen 178 artigos e traballos sobre onomástica publicados por Nicandro Ares. Este cura lucense, que ten agora 87 anos, publicou o seu primeiro traballo no ano 1964 e o último no 2011; todos en revistas e publicacións de diferente natureza. Neles trata de descifrar o sentido orixinal dos nomes de lugares, porque iso é a toponimia: o significado e o sentido dun nome de lugar. Nicandro Ares pronunciou un discurso de agradecemento no que tivo unha mención especial para os tres últimos presidentes da Real Academia Galega. O actual, Xesús Alonso Montero, presentou o acto.

Santamarina e Ruibal

O sacerdote tamén quixo recoñecer o apoio que lle brindou Antón Santamarina, de quen dixo que é a auténtico alma mater do libro, por ter feito tres índices científicos. As súas verbas tamén destacaron a colaboración do lingüista Xesús Ferro Ruibal. Del comentou que foi quen o «arrastrou literalmente» como membro da RAG. Finalmente, Ares louvou a outras tres persoas que foron importantes no desenvolvemento da obra. Trátase do bibliotecario do Seminario, Manuel Rodríguez Sánchez; do impulsor da revista Lucensia, Argimiro López, e de Jaime Delgado.

«Cumio» da toponimia

No apartado de intervencións, tanto Alonso Montero como Santamarina e Ferro Ruibal subliñaron que Nicandro Ares é un dos «cumios» da toponimia española, e practicamente o único sacerdote que se ten dedicado a ela.