Un catálogo e un documental inmortalizan Entolearte

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

O traballo dos artistas no manicomio de Castro marca un antes e un despois

06 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O traballo que fixeron 75 artistas no manicomio de Castro de Ribeiras de Lea entre marzo e abril do ano pasado quedou inmortalizado nun catálogo e un documental que foron presentados onte no Museo Provincial de Lugo pola xerente da rede museística e unha das impulsoras desta iniciativa, Encarna Lago, e polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro. Esta obra é unha compilación de textos e imaxes nas que se explican as experiencias artísticas únicas e pioneiras que se realizaron no hospital psiquiátrico de San Rafael que pechou.

«Hai que destacar o traballo dos impulsores, Encarna Lago, Fernando Arribas, Antonio Reigosa, Xoán R. Cuba e Xosé Reigosa, e a boa acollida que tivo o proxecto. De feito, case mil persoas visitaron en apenas doce horas os 75 proxectos de 9 disciplinas artísticas que se presentaron en Castro», manifestou Mario Outeiro.

O delegado provincial sinala que se trata dun proxecto único no panorama artístico estatal, mentres que Encarna Lago engadiu que esta iniciativa marcou un antes e un despois na arte.

Espazo de dor liberado

«Este era un espazo de dor que tiña que ser liberado moito antes», dixo onte ante decenas de persoas, moitas delas, participantes neste proxecto artístico. «Vós [afirmou dirixíndose aos creadores] liberastes aquel espazo e amosástesnos o novo cambio (...) Este catálogo recolle unha nova forma de traballar, cara a que vós nos guiades», destacou.

Froito deste proxecto encadeáronse novas iniciativas, segundo explicou a xerente da rede museística, como Enredarte ou o premio Outono Fotográfico convocado recentemente. «A nosa finalidade é a de facer museos abertos», continúa Encarna Lago.