A edila de Cultura, Carmen Basadre, xunto con Isabel Méndez e Raquel González, directora e vicedirectora, respectivamente, do Conservatorio Profesional de Danza, presentaron a Semana da Danza de Lugo, que estará dedicada á bailarina Isadora Duncan, e que se celebra para conmemorar, en Lugo, o Día Internacional da Danza.
Méndez agradeceulle ao Concello a posibilidade de organizar a Semana da Danza, que se celebrará do 24 ó 30 de abril, e anunciou que este ano haberá máis presenza na cidade, xa que o sábado 27 bailarase unha coreografía nas rúas do centro histórico. Segundo explicou, «contactamos primeiro con todos os institutos da cidade e impartimos unhas clases no Conservatorio para aprender a coreografía». Outra novidade desta edición é a incorporación á programación doutros estilos de danza, ademais da clásica e contemporánea. «Contaremos coa participación de centros da cidade que se dedican a impartir ensinanzas de danza deportiva, flamenco, bailes de salón», sinalou Méndez.
A primeira actividade programada terá lugar o día 24. cunha actuación do alumnado, tanto do grao elemental como do grao profesional e o contacontos Isadora Duncan. A Bailarina do Mar, a cargo do grupo de teatro Os Palimoquiños. Farase no Centro Comercial As Termas, ás 19.00 horas.
Para o sábado 27 está programada unha das actividades máis chamativas, o espectáculo de danza na rúa. Neste evento, un obradoiro de danza e de percusión percorrerá as distintas prazas da cidade, acompañados pola Escola municipal de Música. Para esta actividade está previsto reunir, como mínimo, 150 persoas bailando todas xuntas unha mesma coreografía polas rúas da cidade. Máis información das actuacións en www.lugo.es.