Serafín Saavedra é o encargado do cemiterio municipal San Froilán, onde empezou a traballar en 1986. Ademais das tarefas que tradicionalmente se fan no camposanto, Saavedra encárgase tamén das visitas guiadas, que duran arredor dunha hora. Nelas explica a historia do cemiterio, os materiais empregados e algunhas curiosidades.
-¿Está aumentando o interese por coñecer o cemiterio?
-Somos nós os que ofrecemos alternativas, a xente aínda non se anima moito. Pero os que veñen sorpréndense do que hai no cemiterio, sobre todo os veciños que acoden asiduamente ao camposanto a velar aos seus seres queridos, pois nestas visitas descobren detalles nos que antes non repararan.
-¿Que é o que máis sorprende aos visitantes?
-Sobre todo a conservación das tallas feitas en mármore branco, xa que son todas como mínimo dos anos sesenta e algunha mesmo dos vinte. A pesar de estar no exterior están en moi bo estado pola calidade dos materiais.
-¿Cales son as preguntas máis frecuentes?
-Ademais da conservación, interésanse moito polos mausoleos, sobre todo polo que hai na entrada, o que foi doado pola familia de Armando Durán. Tamén se interesan moito polo planeamento do cemiterio, chámalles a atención o sistema das rúas coas sepulturas, todo feito baixo plano, e o ben distribuído que está.
-¿Cal é o perfil do visitante?
-Estranxeiros hai poucos. A maioría dos que veñen son lucenses.