O PSOE de Antas reclama melloras na traída e nos tanques de auga

lugo / la voz < / span>

LUGO

21 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Os problemas no subministro de auga, tanto no casco urbano coma nas aldeas, seguen a ser unha constante en Antas de Ulla, segundo denuncia o grupo municipal socialista, que cita os exemplos de Santa Mariña, onde «a pesar de existir traída pública a inmensa maioría dos veciños utiliza a que é privada e de propiedade veciñal», ou de Olveda, onde, «ano tras ano cando chega o verán, a veciñanza queda sen o servizo de auga da traída precisamente cando máis falta fai, como ocorreu esta fin de semana». Para o PSOE «isto non é ningunha novidade, pasa todos os anos, e por parte do Concello non se dá ningunha solución ao mal estado da zona de captación de auga nin aos desperfectos das conducións».

Logo de visitar distintas instalacións municipais destinadas ao abastecemento de auga, os concelleiros socialistas de Antas critican o seu estado. «A porta de entrada aos tanques do Monte Farelo estaba aberta. Ademais, toda a instalación se atopa nunha lamentable situación de abandono, os materiais están moi deteriorados e oxidados e o clorador que alí hai está desinstalado»

Ademais do perigo que comporta esta situación para a seguridade e a saúde dos veciños de Antas de Ulla , dende o PSOE sosteñen que «todo indica que se transvasa auga do tanque de incendios da Xunta de Galicia para o consumo porque hai unha tubaxe que os comunica e días atrás no lugar estaba traballando unha bomba, igual que o ano pasado, para enviar auga dun tanque a outro sen ningún tipo de control hixiénico ou sanitario». Por este motivo, os socialistas de Antas de Ulla solicitarán no Concello as análises de auga obrigatorias e os controis periódicos pertinentes que o Concello ten a obriga de realizar ao non ter concedido a ningunha empresa externa a xestión deste servizo.