A Feira do libro abre o martes con 12 expositores

c. lópez LUGO / LA VOZ

LUGO

Alumnos de todas as escolas de música e danza da cidade ofrecerán actuacións diarias celebrando a trixésima edición

12 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Feira do libro de Lugo cumpre trinta anos, e nesta trixésima edición unha das novidades máis destacadas será a participación das escolas de música e danza lucenses, que amenizarán a feira a diario con concertos e espectáculos de baile.

Dende o vindeiro martes e ata o domingo, a Praza Maior será o espazo no que se instalarán os doce expositores participantes: cinco librerías lucenses, dúas coruñesas e unha viguesa, ás que hai que sumar as casetas da Gran Enciclopedia Galega, a Biblioteca Pública Provincial e a Deputación.

Seguindo a tradición de ter un pregoeiro lucense, este ano será o escritor Antonio Reigosa o responsable do pregón de apertura da feira, que contará coas habituais actividades de presentacións e sinaturas de libros, coloquios de escritores e obradoiros para nenos. Ademais, como xa se facía nas anteriores edicións, cada xornada pecharase cun sorteo de libros.

En canto ás presentacións, entre outras están previstas ás dos libros Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá; Medievalario, de Fran Zabaleta, autor que participará xunto con Xosé Miranda nun coloquio sobre novela histórica; e A comer, de Cristina F., que inclúe un obradoiro de letras galegas con masa de pan, para nenos de tres a dez anos de idade.

Na véspera do Día das letras galegas haberá unha lectura de textos do autor homenaxeado por parte de Marina Cillero, a escritora e profesora universitaria Carmen Blanco, a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e a xornalista radiofónica Tonina Gay.

A Feira do libro de Lugo foi presentada onte polo concelleiro de Cultura, Antón Bao, o xefe territorial de Cultura e Educación, Jesús Ramos, o coordinador da Federación de libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira, e a directora técnica desta feira, Ana Isabel López Fandiño. Todos eles coincidiron en felicitarse pola boa saúde da Feira do libro de Lugo e convidaron a lucenses e a turistas a visitar os postos e a participar nas actividades programadas.