Anónimo é un escrito non firmado por ninguén, responsable de ninguén, que responde ao refrán dos nosos avós que proclamaba que «o papel terma do que lle poñen». E hai outro refrán, complementario ou non, que concluía que «falen cartas e calen barbas» para acreditar que un escrito vale máis ca unha palabra, sempre que ese escrito estea subscrito por alguén que del se faga responsable.
Un anónimo non pode ser anotado en ningún rexistro oficial; non pode ser mencionado como algo valorable; non pode ser tido en conta por ninguén asisado, e menos por un organismo oficial. Eu non entro en se teñen razón ou non os autores dun anónimo que se remitiu á Dirección Xeral de Comercio en nome de «empresas electoras da Cámara de Comercio de Lugo», que esa Dirección Xeral remitiu aos servizos xurídicos da Xunta, no que se denunciaban supostas transgresións do ordenamento xurídico, efectuadas polo executivo do organismo cameral.
Fálase no anónimo dun tema relativo á posta en marcha dun viveiro de empresas de biotecnoloxía. Pero sendo anónimo, todo o que se diga queda invalidado polo vicio de fondo existente desde o comezo se o escrito non está subscrito por alguén que se faga responsable do seu contido. Un anónimo é un «non existente», a negación inicial, e un non comprende como unha Dirección Xeral da Xunta pode pasar a alguén algo que non existe. Anónimo, o que se di anónimo, só entendo como válido un Romance anónimo que tocaba de xeito maxistral Narciso Yepes. Pero nada máis.