«El Havre», en Lugo

Suso Varela< / span>

LUGO

Os Multicines Centro de Lugo (¡quen senón!) exhiben desde a pasada semana unhas desas películas necesarias para os tempos que corren: El Havre, do mestre finés Aki Kaurismaki. Xa a estrea deste filme na nosa cidade é todo un acontecemento, dada a pouca presenza que ten o cine de autor na nosas salas e a saturación de pases de películas comerciais e que se consumen como comida lixo.

Non estamos a falar dunha obra mestra, nin dunha película que pasará á historia do cine. El Havre é a sinxeleza nos tempos das presas, é a sinceridade nos momentos das imposturas, e é a dignidade dos chamados «pobres» fronte aos poderosos e «ricos». Pero ollo, no cine de Kaurismaki non hai malos nin moralina barata, senón persoas íntegras, que antepoñen conceptos hoxe pouco valorados como amizade, honestidade e xenerosidade co próximo; en definitiva persoas fóra do sistema de consumo capitalista. A película conta a historia dun limpabotas (¡Viva Vittorio de Sica!) que vive coa súa muller, enferma de cancro, e cuns poucos euros de aforros. Unha situación que sería de lástima convértese nunha esperanza, algo do que deberiamos aprender todos para os tempos de crise e de desquicio xeral na que vive a sociedade actual. Na vida deste home, pobre pero íntegro, aparece un mozo inmigrante ao que persegue a policía. O seu obxectivo é chegar a Londres para xuntarse á súa nai e o protagonista acólleo como se fose o seu fillo. Non teñan medo a ver un dramón e miseria, todo o contrario, é un conto e un canto de ilusión. Gocen coa sesión. Mañá é o día do espectador.