Arte de actor e relacións persoais

La Voz

LUGO

As compañías Paso de Valverde e Escoitade porán en escena esta fin de semana as obras «Adeus, Kantor» e «Longa vida a Martiño de Güimil»

02 mar 2012 . Actualizado a las 19:24 h.

Con dúas representacións esta fin de semana e outras dúas a vindeira, o auditorio municipal Gustavo Freire servirá de escenario do Festival de teatro afeccionado. As funcións correrán a cargo de compañías doutras provincias, grazas a unha iniciativa que permitirá un intercambio con grupos teatrais lugueses, que terán a posibilidade de representar as súas obras noutras cidades do país.

Este festival, así como a programación cultural do auditorio municipal lucense para o mes de marzo, arrincará mañá coa obra Adeus, Kantor, da compañía coruñesa Paso de Valverde, un espectáculo sobre a arte do actor no que se amosa o traballo interno que realiza a través do proceso no que un mestre e os seus alumnos van encontrando ferramentas dentro deles mesmos para construír unha dramática corporal.

O domingo será a compañía viguesa Escoitade a que poña en escena Longa vida a Martiño Güimil, unha montaxe para todos os públicos que amosa as relacións dun prexubilado do naval, gravemente enfermo, coa súa familia, un amigo e un médico, así coma o transcorrer da súa vida mirando pola ventá, desde a súa cadeira de rodas, o paso dos trens.

Vindeira fin de semana

As representacións continuarán a vindeira fin de semana con Gargallada Teatro, que representará o sábado día 10 A última cinta de Krapp, versión da obra de Samuel Beckett, un monólogo no que un vello se mergulla nas súas lembranzas, e Carrachanacacha, que porá en escena Gheidi... só para adultos o domingo 11, unha versión «abravada» do encantador personaxe creado por Johanna Spyri en 1880 e, como o seu nome indica, non apta para público infantil. As funcións serán todas elas ás oito da tarde e a entrada para as catro funcións será gratuíta.

O festival foi presentado onte polo tenente alcalde e responsable de Cultura do Concello de Lugo, que estivo acompañado por representantes das compañías teatrais lucenses Achádego, Hipócrita Teatro e Parápono, que grazas a este intercambio terán a posibilidade de levar as súas obras fóra da cidade de Lugo.

Dinamizar o auditorio

En palabras do nacionalista Antón Bao, esta iniciativa forma parte «da nova política que estamos a aplicar e que pretende converter o auditorio Gustavo Freire no referente cultural da cidade. Traballamos para ter no auditorio municipal lugués unha programación continua, de calidade e para todos os públicos».

Así, durante o mes de marzo o auditorio municipal lucense albergará una vintena de espectáculos, na súa maioría teatrais, pero tamén de música folk e pop, como é o caso do concerto de El Sueño de Morfeo. Ademais, asociacións e colectivos desenvolverán actividades neste recinto cultural, como é o caso da Mostra de teatro especial organizada cada ano pola Fundación Anade.

Auditorio Gustavo Freire de Lugo

Día: Sábado, día 3, e domingo, día 4

Horario: 20.00 horas

Entrada: Gratuíta