A Xunta clausurou cinco vertedoiros en Lugo no presente exercicio

La Voz

LUGO

Os traballos de selado executáronse en Paradela, O Páramo, A Fonsagrada, Pol e Meira; estanse realizando en Pedrafita e As Nogais e en trámites en Negueira

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Logo do selado dos vertedoiros de Pol, Paradela, O Páramo, Meira e A Fonsagrada, e a posta en marcha da execución dos traballos de clausura dos de Pedrafita e As Nogais, o único vertedoiro de residuos sólidos urbanos que quedaría por pechar na provincia lucense sería o de Negueira de Muñiz, onde a Xunta está en trámites co Concello para levar a cabo o selado de ditas instalacións.

Cumprindo cos compromisos adquiridos polo departamento que dirixe Agustín Hernández, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas rematou nos seis primeiros meses deste ano a clausura dunha decena de vertedoiros municipais, cun investimento de case 2,5 millóns de euros. Ademais dos cinco citados na provincia de Lugo, entre os meses de xaneiro e maio procedeuse ao selado de catro vertedoiros na provincia de Ourense e un en Pontevedra, co cal nestas dúas provincias galegas quedaron concluídas este tipo de actuacións.

Na actualidade, en Galicia tan só quedaría pendente de clausurar o vertedoiro de Negueira; mentres que, ademais dos de As Nogais e Pedrafita, estase a traballar no do municipio coruñés de Touro. A estas catro actuacións a Xunta destina un presuposto de case 800.000 euros.

Dous últimos anos

Dende que o Partido Popular accedeu ao Goberno autonómico, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estableceu unha programación de selado de vertedoiros que a levou a actuar nos últimos 25 vertedoiros que quedaban por clausurar na comunidade galega e que tivo aparellado un orzamento de case seis millóns de euros. Desas dúas ducias de puntos de depósito do lixo nas que a Xunta actuou na presente lexislatura, once corresponden a concellos lugueses, nos que o investimento acadou os 2,4 millóns. Ademais dos xa citados, déronse por rematadas as actuacións acometidas nos municipios de Baleira, Baralla e Lugo.

Un dos últimos vertedoiros clausurados foi o da Fonsagrada, cunha superficie de 5.000 metros cadrados e un volume de residuos urbanos depositados de 9.000 metros cúbicos. Nestes traballos instaláronse uns bidóns para controlar a saída de líquidos, que foron reconducidos por unha rede de tubaxes para evitar que este tipo de fluídos contaminantes chegasen ás terras próximas ou aos ríos. Tamén se colocaron campás extractoras a tres metros de profundidade para controlar a emisión de gases que o lixo sepultado puidese realizar á atmosfera. Para rematar impermeabilizouse o vertedoiro con capas de arredor de 6.000 metros cadrados. Finalizado o selado, rexenerouse a zona con vexetación autóctona e creáronse novos accesos ao lugar.

Rexeneración ambiental

E é que a última fase dos traballos de selado de verteduras pasa pola restauración dos espazos degradados. Este tipo de proxectos de recuperación ambiental consisten na roza de material forestal, na selección e retirada de residuos, na achega de solo, no reperfilado de noiros, na revexetación da zona e na ubicación de paneis e carteis informativos como medida de concienciación cidadá.

Con todos estes traballos, dende o ano 1998 ata a actualidade, o Goberno galego leva clausurados en Galicia 259 vertedoiros de residuos urbanos, acadando un investimento de 70,8 millóns de euros.