Como estamos en crise, esa situación da que falamos aínda que non teñamos moito coñecemento das causa e só percepción das consecuencias, resulta inimaxinable pensar en grandes concertos para festas como este San Froilán. Podemos pensar que unha atracción interesante sería Bob Dylan, que quizais, ao escoller cancións do seu amplísimo repertorio, elixiría unha dos seus primeiros tempos que nos anuncia que vai caer unha forte chuvia, A Hard Rain´s a-Gonna Fall. Quizais, como solución incompleta, na xira coa que Amaral anda a presentar o seu novo disco se escoitará a súa versión desa canción, Llegará la tormenta.
De todos os xeitos, non fan falta actuacións en directo para disfrutarmos desas cancións, que, por outra banda, unen, para o gusto do arriba asinante, a calidade coa actualidade.
¿Que fai falta chuvia? Ninguén o dubida a estas alturas. Levamos moito tempo cunha seca que xa nos puxo abondo secos. Ten que chover para arrastrar o po que hai nas rúas, para rexenerar unhas terras murchas de máis, para limpar un ambiente abondo espeso, para darlle vida a unha sociedade que semella escasa de reservas: como o vello Portomarín que reaparece nos longos períodos sen chuvia, a seca está a amosarnos os baixos dos nosos encoros sociais, faltos dunha limpeza que leve tantos sedimentos urbanísticos, tantos sobresaltos causados pola explotación de mulleres, tantas capas de silencio acumuladas durante anos.
Ten que chover para que a auga caia con limpeza e nos deixe ver o arco da vella.