É unha asociación xenuinamente lucense, que preside o pintor Miguel González Franco, e que se dedica a axudar a vellos con problemas, que están arredor de nós, pero que resultan ser invisibles porque o rebumbio social consegue facelos desaparecer da nosa área de visión.
Neste tempo de problemas económicos para as familias, os peor dotados sempre son os máis febles, os máis desvalidos, os que se foron quedando sos co paso dos anos, das xentes e dos traballos. Os de Ancianos del Mundo saben de persoas que, arrastrándose polos vieiros da vellez máis dura, pasan frío, pasan fame e sofren total soidade. E danlles calor, alimento e compaña.
Nos meus tempos mozos a vellez comezaba aos sesenta. Quizais por levar xa catro anos nese período, sintonizo con esta xente que sabe ver arredor o que normalmente non se ve, e procuran pequenas solucións para gravísimos problemas que afectan a vellos que sofren.
O sábado estiveron en Sanires, no Día do ancián, levando unha mensaxe de ledicia aos que alí residen. E eu falei para os presentes, pensando nos ausentes. O panorama era complexo, con máis de medio cento de maiores dos que moitos eran a viva imaxe da dor consciente ou inconsciente. Pero os alí presentes son privilexiados por ter coidadores atentos ás súas máis mínimas necesidades. Ancianos del Mundo pensou neles ese día, pero o resto do ano pensa -oxalá nós saibamos pensar tamén- nos que non teñen nada máis que miseria e soidade. A próxima vez que che falen de Ancianos del Mundo sen xeneroso.