Querida escola de Olveda: recordo os cantos no atlas, o agarimo da Manuela no seo regazo, o balón que todos compramos e que logo algunhas lle escapabamos, todo todo no coto da Laxe, na escola de todos, de pais, nais, avoiños, avoiñas e da nosa xeración ata a concentración no grupo escolar en Antas de Ulla.
Querida escola, queren converterte en depósito de cadáver e así poder facer un cemiterio. Que pena! Choro! Berro! Imploro! Non, non! A escola na que traballaron arreo os nosos antepasados, que vendían doces na porta da igrexa para recadar fondos e rematar a escola, que venderon «ás lameiras» (ben comun de todos) para conseguir cartiños para facer a escola na que traballaron todos os veciños, ten que ser para disfrute de todos.
Aínda temos o querido Angelito que di «a escola é dos veciños», de quen traballou moito nela.
A querida escola do coto da Laxe: ata os 11 anos estiven dentro das túas paredes, recordo moitas mestras, Tere, Delia, Oda e todas me axudaron a ser o que son e quizais a estudar Maxisterio. É por iso que non poido soportar que ese centro, ese lugar de referencia en Olveda se converta en depósito de cadáveres como creo pretenden os menos.
Ten que seguir sendo lugar de encontro da nosa xuventude, de facer o magosto, o San Xoán e de reforzar con moitas, moitas máis actividades que teremos que promover entre todos os veciños.
Quero que sexa lugar de actos sociais, culturais, festas, de vida, de vida, non de morte, non de morte por favor. Axuda, axuda, socorro!