Vacacións da natureza

LUGO

Uunha das situacións normais do verán é ir á praia. A lista de lugares é ampla: tanto, que tamén podemos incluír este verán un lugar que entraría máis ben na categoría de expraia, Tan curiosa situación tense dado no Cantábrico, e como estamos no centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, pensar que desaparece un lugar non é algo imposible: abonda con lembrar a historia do camiño de quita e pon que aparece nas páxinas de Merlín e familia. Non lonxe de Mondoñedo, na costa de Ribadeo, a praia dos Xuncos quixo converterse nun lugar que tamén desaparece algún tempo. Máis ca un prodixio, a un parécelle que no fondo hai un aviso, un toque de atención da natureza contra tantas medidas que semellan un conxunto de apertas do oso: non queremos camiños senón paseos, non nos gustan os prados senón xardíns onde os toxos serían mal recibidos...

Tense comentado que na praia dos Xuncos, lugar que paga a pena visitar mesmo na actual situación, a area desapareceu pola forza das mareas e dos temporais. Pódese asumir que así ocorreu, pero quizais a area marchou para ver se así pensamos un pouco antes: cando volva, se cadra temos asumido que mellor nos iría investindo en saneamento o que se ten dedicado a tantos paseos.

E se a area dunha praia fai iso, imaxinemos o que pode pasar coa auga do Miño se o río segue a ser empregado como vertedoiro de todo tipo do lixo: se o leito aparece seco unha mañá, poderíase pensar que non foi pola seca senón que auga fuxiu por un tempo, cansa de tanto túzaro que non sabe respectala.