Paraísos

Xulio Xiz

LUGO

Sempre tivemos ós países nórdicos por lugares onde a Paz, con maiúsculas, era o elemento máis destacado, seguido da civilidade e, naturalmente, do excelente nivel de vida que se estimaba froito dos dous anteriores. Os policías non van armados, entendendo que a súa presencia abonda para impor a orde nunhas sociedades de por si ordenadas.

Pero na placidez reinante poden acontecer traxedias coma o asesinato de Olof Palme en Suecia ou o atentado e masacre de Noruega, que amosan negros furados na seguridade e a necesidade que a policía estea máis preparada diante de eventualidades extremas que nunca poden desbotarse como posibilidade.

Nunha viaxe por estes paises feita hai poucos anos, a guía íanos explicando os altos niveis de seguridade existentes, xa que prácticamente

non había criminalidade e os roubos eran descoñecidos, destacando que nas plantas baixas das casas as fiestras non tiñan ningún tipo de reixas, porque non había perigo de que por estas vías accedesen asaltantes ós domicilios. Como logo viramos que polo interior das vivendas todas as fiestras estaban cheas de macetas con plantas e frores, preguntamos o por que dese costume, e a resposta evidenciou unha certa precaución: É porque, se alguén intenta entrar por esas fiestras, vai ter dificultades, tropezará nas macetas, fará ruído, e enteraranse os habitantes da casa. Parece que os nórdicos, aínda que inmersos nunha sociedade pacífica, son máis previsores que as súas forzas de seguridade e as autoridades que os

gobernan.