Débolle esta palabra a Tuñas Bouzón, mestre e compañeiro. Afirmaba que se o Papa de Roma veraneaba en Castellgandolfo, ó veranear os bispos de Lugo en Portomarín, necesariamente esta vila era o noso Portogandolfo.
Estiven en Portomarín este domingo pola tarde. Recorrín rúas que nunca visitara, vin o seu campo da feira, os magníficos parques-xardín, e os centos de persoas que facían que a vila parecese unha pequena Compostela. Bares, pensións, hoteis, supermercados e albergues, ateigados. Castelán, galego, inglés... soaban polas vellas rúas, especialmente sonoros no bulicio de tanta xente nova. Un grupo de gaiteiros que se puxo a tocar diante da Casa do Concello, concentrou ó seu redor tanto público coma se fose un «Domingo folclórico».
A min resúltame especialmente gratificante comprobar como unha vila de raíz milenaria, que hai medio século tivo que subir monte arriba escapando da auga asulagadora, trasladando pedra a pedra os seus monumentos máis senlleiros, herdou de tal xeito a tradición hospitalaria que -dando servizo ós milleiros de peregrinos que a cotío a visitan- atopa un xeito de progreso económico acorde cos tempos e con espléndido futuro. Xa quixera a capital lucense unha vida efervescente como este domingo apreciei en Portomarín. No recorrido pola vila pasei por diante do pazo onde en tempos veraneaban os bispos de Lugo. Estaba pechado a cal e canto. Posiblemente a miña Vilalba sexa agora o novo Portogandolfo, pero fai falla un novo Tuñas que saiba bautizala axeitadamente.