O goberno municipal critica á Deputación e o grupo socialista a Medio Rural

La Voz

LUGO

21 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Lola Castro critica á Deputación por pechar a aula ambiental de Seoane só tres meses e medio despois da súa apertura. «Debería manter o seu compromiso e non pechala, porque se non é así parecerá que só se abriu cun criterio político», opina a alcaldesa. Pola súa parte, o portavoz socialista Francisco Javier Castro considera que o peche da aula de Moreda é unha consecuencia «da política da Xunta de facer recortes por todas partes».

Por outro lado, SOS Courel considera igualmente negativa a interrupción da actividade destes dous servizos. «Se se quere aforrar cartos, non debería facerse a custa de pechar uns servizos turísticos, ambientais e educativos que teñen moita importancia para O Courel», di a este respecto Orlando Gregorio Álvarez. O colectivo ecoloxista pide ademais que a aula de Moreda sexa dotada dun servizo de visitas guiadas análogo ao do centro informativo de Seoane. «Esa aula ten a función de acoller aos visitantes que percorren a ruta da Devesa da Rogueira, pero en todos estes anos nunca contou con guías que puidesen acompañar á xente, algo que si ten a aula de Seoane», comenta Álvarez.