Cando interesa

Carlos Ferreiro

LUGO

06 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Europa ruborízase porque EE.UU., que no 2010 executou legalmente a 46 persoas, celebra a morte de Bin Laden coma se fose a final da Super Bowl. Ruborízase Europa, que sen pestanexar cuestiónanos o espazo Shengen e intenta facernos crer que o problema está aquí e non no punto de saída dos inmigrantes. O mesmo argumento facilón que alenta á estrema dereita europea e recolle o voto dos «Indignez-vous» de copa e puro que quedaron na casa o primeiro de maio.

Aquí, canto máis se achegan as eleccións, máis se radicalizan as declaracións do PP. O mesmo PP que liberou a 56 terroristas do «movemento de liberación vasco» e que agora nos di, por boca de Rajoy, que «O PP nunca negociou con ETA». E en Lugo, a cabra tira ao monte como o corzo á Muralla. O animal ía cheo de razón porque a Muralla é cada vez máis un monte de herbas. Da súa conservación, que lle compete á Xunta de Galicia, xa se falou aquí hai máis de dous anos, o tempo que leva esperando a Muralla.

Só meses tivo que esperar a Fundación Pazo de Tor para que Xosé Manuel Barreiro, como conselleiro de Medio Ambiente, lle concedese, por trámite de urxencia, 510.366 euros. Unha fundación creada polo PP onde desapareceron coches de alta gama; viaxaron en business a Tanzania, Namibia, Copenhague, Malabo e Johannesburgo; quedaron a deber en paradores; cazaron ilegalmente? Unha fundación que, sen ser patrimonio da humanidade, o PP considerou con méritos acreditados para inscribir no rexistro de fundacións de interese galego no 2004. Cando interesa...