Os internautas preguntaron por posibles pactos dos independentes
30 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O cabeza de lista de Independientes de Galicia, José Manuel Bello, pechou os encontros dixitais de La Voz de Galicia. Unha vez máis os internautas bombardearon o candidato con preguntas. Neste caso os temas máis recorrentes foros posibles pactos e o número dous da súa lista, Antón Fortes.
-O ser un partido dos veciños deixaredes participar máis os veciños nas decisións importantes do que fixo Garrido
- Ese é o plantexamento que levamos para poder así cambiar o sistema de política que se vén exercendo neste pobo durante os últimos mandatos.
-¿Con quen pactará tendo en conta que na súa lista hai rebotados de PSOE, PP e BNG?
-Primeiro, non podemos entender que a miña lista é configurada por rebotados. Reunín un grupo de xente que pode aportarlle moito ao Concello de Sarria e que ningunha das persoas que compón a miña lista leva intereses persoais. Con referencia ao tema dos pactos, imos intentar sacar a representación suficiente para levar a cabo un goberno con garantías para este concello.
-Desde hai 12 anos están os mesmos no Concello. ¿Cre que pode haber corrupción?
- Non podo valorar se hai risco de corrupción, que pode ser posible. O que si podo valorar é que as políticas que están a utilizar non son as máis axeitadas para o desenvolvemento desta vila.
-¿Credes que podedes cambiar as cousas en Sarria?
-Por suposto que si. En Sarria hai persoas que poden facer política de forma diferente, dar solucións máis eficaces e non dedicarse tanto a levar políticas partidistas que non levan este Concello a ningún sitio de interese.
-¿Considérase a marca branca do PP?
-Non me considero marca branca. Son unha persoa independente que nunca me considerei suxeito a ningunha sigla. Na política debemos comezar a entender que o importante son as persoas e en ningún momento as siglas de partidos.
-¿Que sería o primeiro que faría por Sarria?
- Contestar as 3.000 alegacións ao PXOM que están estancadas no noso Concello á espera dos resultados electorais para así non molestar a ninguén antes de tempo.
-Déame tres razóns para votarlle.
- Seriedade, moito traballo e cercaría coas veciñas e veciños desta vila.
-Dentro do voso partido, ¿o señor Fortes poderá defender a política lingüística e cultural galeguista que defendeu?
- Por suposto que si. Dese vostede conta que somos un partido independente onde cada quen debe de aportar todos os plantexamentos posibles de cara a ter un Concello referente a nivel autonómico.
- ¿Que posibilidades ten o seu partido de obter algún concelleiro?
- Neste momento, considero, respectando as decisións dos votantes de Sarria, que as posibilidades de obter representación son moi altas.
-¿É nativo de Sarria e de que traballa?
-Si, son nativo de Sarria, concretamente, da aldea de Cesar, e traballo como profesor no instituto Gregorio Fernández.
-¿Cre vostede que a inclusión de Profesor Fortes -antigo e importante pilar do BNG-, vai favorecer as súas expectativas electorais?
- Eu non «fichei» ao profesor Fortes, se se lle pode chamar así, «fichar», pensando en ningún momento nas miñas expectativas electorais. O motivo polo cal contei con Fortes é porque é unha persoa traballadora, humilde, cercana á xente e que lle pode aportar a este goberno, se o pobo o cre oportuno, moitas cousas positivas para así poder saír do estancamento no que estamos inmersos.
-¿Pensa que é unha boa opción facer campaña desprestixiando aos demais como fan os outros candidatos?
- Non comparto esa forma de facer política. É totalmente nefasta. O que si lle pediría aos políticos que utilizan ese sistema que traten de facer plantexamentos para así poder solucionar a problemática do Concello desmarcándose quizais das directrices dos grandes partidos. Poden seguir de cerca a miña campaña, en ningún momento vou tratar de desprestixiar a ninguén. Esa valoración, desde o meu punto de vista persoal, correspóndelles ás sarriás e sarriáns o día 22 á hora de exercer o seu dereito ao voto.
-Concrete que vai facer que non fixeran os outros.
- Primeiro, se o pobo de Sarria nos dá o privilexio de gobernar este concello, é que non debe haber ningún edil que teña dúas horas de dedicación diarias, e cobre máis que o persoal laboral traballando unha xornada completa. Segundo, os políticos debemos predicar co exemplo e o alcalde considero que debe ter o mesmo salario que ostenta no traballo que está a realizar antes de chegar a alcalde. Non podemos facer política para tratar de alimentar, de forma esaxerada, a nosa economía.
-¿Como se guía por Fernando Carlos Rodríguez se o votaron do PP para poder gañar eleccións en Sarria?
-Valoro moito a súa pregunta, pero teño que contestarlle que vostede está equivocado ou mal informado. Fernando Carlos é unha persoa que me merece un respecto, como todas as sarriás e sarriáns, pero politicamente xa se demostrou no seu día que non pensabamos igual.
-¿Non pensa que os sarriáns o vemos reflectido en Pablo Toleiro e pensamos que quere ter un edil para beneficio persoal?
- Poden os sarriáns ter claro que non son nin vou ser o reflexo desa persoa. Se fose así, estariamos xuntos na mesma candidatura.