Miña sogra

Xulio Xiz

LUGO

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As sogras -os sogros algo menos- teñen mala consideración por definición, e o refraneiro, a tradición, e moitos exemplos que coñecemos parecen darlle a razón ó tópico. Sen embargo, eu puiden comprobar que ou ben tiven unha sorte macanuda, ou non é verdade que as sogras merezan a sona que no decurso dos tempos se lles veu dando.

Os meus sogros fixeron que de vinculeiro me convertise en membro dunha familia numerosa, cunha integración tan plena como se houbese nacido no medio desa familia de case medio cento de membros directos. E miña sogra, xa en solitario, estes últimos vinte anos, exerceu un matriarcado -antes, xa perfectamente entendido- no que era «mamá» para os seus sete fillos vivos; «Señora Josefa», garimosamente, para os seis xenros; «otra mamá» (que simbolismo!) para vintedous netos, entre directos e «políticos», e «a Bis» para os trece bisnetos.

A semana pasada decidiu que xa estaba ben de que nos aproveitásemos dos seus noventa e seis anos magníficamente levados, e que xa era momento de que aprendesemos a andar sós pola vida. Ela, que soubo do sitio do cuartel de Oviedo na nosa Gran Guerra con pouco máis de vinte anos, e logo paríu e criou unha familia numerosa sen unha queixa, cun permanente sorriso.

Como aos humanos todo nos parece pouco, chorámola como se eses noventa e seis fosen tan novos como a primavera que acabamos de estrear. Agora, decatámonos que o papel de sogra e sogro tócanos á miña muller e a min. E agardo que o fagamos igual de ben que o fixeron os meus.