Doar sangue

Xulio Xiz

LUGO

Empecei a doar sangue hai arredor de corenta anos, e calculo que se no meu corpo hai cinco litros e pico, aos poucos levo entregados á facenda pública do sangue medio cento de litros que agardo foran de utilidade para os necesitados deste ben imprescindible para poder conservar a vida.

Durante moitos anos, o organismo encargado da xestión do sangue foi a Hermandad de donantes de sangre, de grato recordo para os lucenses, que logo tivo que ceder o seu papel a un organismo da Xunta, que segue a exercer esta función.

Daquela, cando se cumpría o período recomendado, avisaban telefonicamente de que xa era momento de doar. E un sentía, simultaneamente, a necesidade de facelo.

Logo pasei a un novo estadio, máis complicado e útil, de doar plasma suxeito a unha máquina durante unha hora para transfundir determinados elementos e recibir a correspondente devolución. Pero ao chegar aos sesenta de idade rematou esa doazón de primeira clase e volvín á normalidade, polo que xa non me avisan, podo ir cando queira, pero fáltame ese toque de atención, impulso, ou necesidade que teño que volver poñer en marcha.

Eu coido que debían volver a esas chamadas telefónicas, especialmente para os que precisamos dunha voz que nos lembre que seguimos a ser útiles aínda que xa non sexamos de primeira división. Calquera día destes irei, que teño necesidade moral de reconfortarme doando sangue. Pero cunha chamadiña oportuna houbese doado tres ou catro veces máis nestes últimos tempos.