¡Ala, veña, todos a votar!

Carlos Ferreiro

LUGO

04 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Despois do 23-F e con Tejero máis guapo que nunca ao sol de Mallorca, chéganos a febre democrática e? ¡Ala, veña, todos a votar! Eleccións sindicais, municipais, autonómicas, eleccións para delegado de clase de 6ºA ... Claro, con tanto voto, tanta democracia e tantos dereitos anímase ata a xerarquía da Igrexa e? ¡Ala, veña, a votar tamén! Eles anímanse así, dese xeito, como se animan os xerarcas, pero anímanse e entre fastos, ouropeis e co boato apropiado escollen presidente e escollen un de «Lujo»: Antonio María Rouco Varela, que, xa lles digo eu, non ten nada que ver con Paco Clavel.

Así que a xerarquía da Igrexa xa ten presidente, por certo, moi preocupado polas novas tecnoloxías. Non polo seu uso como ferramenta para achegarse á sociedade, iso non preocupa. Preocupan os efectos perniciosos sobre esta xuventude desencarrilada e desordenada que non acaba de centrarse.

Pois que non se preocupe o señor Rouco que aquí a xuventude lucense está sá, saísima. Non lle queda outra. E non o digo eu, dío o último informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, que coloca á nosa provincia no último posto do vagón de cola das conexións a Internet a través de banda ancha. Di o informe que na provincia de Lugo hai 13 liñas de ADSL por cada 100 habitantes e así, claro, e difícil pecar como é debido. Pero nisto, como nas políticas de emprego, a culpa seguramente será do Goberno central, do Concello correspondente ou mesmo do párroco, nunca da Xunta que, xa se sabe, non ten competencias. ¡Ala, veña!