A actitude dos actuais responsables do Instituto Galego da Vivenda e Solo é tamén moi preocupante polo cambio de rumbo nas intervención da zona da Tinería, pois despois dos cuantiosos investimentos feitos en escavacións parece que queren volvelos a enterrar en lugar de incorporalos a unha rota arqueolóxica que tiña previsto o goberno bipartito. O que resulta dunha cortedade de miras inadmisible é que se pretenda administrar o que é publico como se un estivese administrando a súa casa. As autoridades locais, o comercio, a hostalería, as asociacións e a cidadanía non deberían permitir tal cousa.
Unha vez máis, nas intervencións púxose de manifesto a necesidade de que exista un ente, xa sexa padroado, fundación, consorcio ou calquera outra figura xurídica. Nel terían que estar presentes representantes da Xunta, o Concello, a Deputación, a Universidade, os promotores e construtores, as asociacións do comercio, a hostalería e os veciños, entre outros. A función sería a de buscar o financiamento e encargarse de definir un proxecto de actuación a medio e longo prazo, e desenvolvelo, algo similar á Fundación Las Edades del Hombre que na comunidade de Castela e León encárgase da rehabilitación, restauración, estudo e difusión do patrimonio histórico e artístico con eficacia recoñecida.
Con iso conseguiríanse os tan demandados almacéns -incomprensiblemente a maior parte dos materiais gárdanos os arqueólogos e ata os restauran-, crearíanse numerosos postos de traballo para mozos que catalogarían, estudarían, divulgarían e porían en valor os achados arqueolóxicos.