A trampa está xa establecida para os xubilados do futuro, que terán que ter cotizados 38,5 anos para percibir a pensión íntegra xubilándose aos 65 anos.
Na actualidade é relativamente doado que un traballador teña esa antigüidade en traballo e cotización, porque os próximos á xubilación comezamos a traballar practicamente ao alcanzar a maioría de idade, mentres que agora os rapaces conseguen un posto de traballo entre os vinte e cinco e os trinta anos, co que a antigüidade previsible redúcese substancialmente. Problema que tamén teñen os que estando actualmente preto da xubilación non teñen cotizado tantos anos.
Neste momento, a un ano da xubilación, eu teño cotizados 46,5 anos, polo que cando me xubile terei un sobrante de nove anos cotizados que non creo vaian ser tidos en conta a ningún efecto.
Ben pensado, do mesmo xeito que se venden cotas lácteas para que outros gandeiros poidan producir en base aos dereitos adquiridos, eu debera poder aportar os meus excedentes a favor de alguén a quen lle falte cotización, se ben non sei cal sería o procedemento de cesión ou transferencia dos meus dereitos sobrantes.
O tema, ou non molesta demasiado, ou os traballadores non nos molestamos en facer os cálculos pertinentes da incidencia futura destas modificacións efectuadas a toda velocidade para cumprir cos obxectivos de contención do gasto.
Empezan polo máis doado, polo máis sensible. E nós, a conformarnos. E eu, sen poder vender os excedentes, ou con eles facerlle un favor a quen necesite máis cotización.