Este trozo de montaña é galego

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA/LA VOZ.

LUGO

O litixio polos límites entre a parroquias de Ferramulín do Courel e de Villarrubín -do municipio leonés de Oencia- quedou resolto nunha reunión celebrada por unha comisión de deslindes na que participaron os dous concellos, as deputacións de Lugo e de León e os dous gobernos autonómicos. No acordo alcanzado nesta reunión, os veciños de Villarrubín renunciaron á franxa de terreo na que realizaron repoboacións con piñeiros, o que provocara repetidas queixas por parte da asociación de Ferramulín.

O acordo deixou tamén claros os límites entre ambos municipios na zona de Pena Picada, onde o río Selmo traza o pronunciado meandro que pode verse na imaxe da dereita. A fronteira entre O Courel e Oencia divide lonxitudinalmente o montículo situado no medio do meandro, de modo que a parte esquerda da curva do río -onde se ve unha pequena ponte- pertence a León, mentres que a parte dereita queda dentro de Galicia. Anteriormente, os veciños de Villarrubín reclamaban para Oencia a totalidade do meandro. Asimesmo, a comisión de deslindes determinou que quede dentro do territorio galego a entrada da Cova da Vella, situada nas proximidades desta paraxe. O acordo tomouse tendo en conta a abundante documentación histórica que presentaron os veciños de Ferramulín.

O acordo tomado non resulta satisfactorio para SOS Courel, xa que atribuíu a Oencia a totalidade do monte da Cogoluda, situado na zona en litixio. O colectivo considera que unha cuarta parte deste monte pertence ao Courel e acusa ás autoridades galegas dunha «abdicación estúpida e acomplexada». Segundo SOS Courel, a pertenza histórica deste anaco de territorio, «roubado hai anos cos parabéns da autoridade estatal», está indicada en antigos documentos como o catastro da Ensenada de 1752.