Humanizar o mundo

Xesús Mato

LUGO

Nesa liña vai a xornada anual do Domund dedicada a mentalizar e a acadar fondos para manter o labor dos misioneiros espallados polo mundo. Durante anos, foron os nenos os protagonistas, cos seus petos de cores, con negriños e chineses, enchendo as rúas. Hoxe, grazas ao valente testemuño dunha entrega plena e altruísta de moitos homes e mulleres que traballan no terceiro mundo, brotou tamén un recoñecemento universal polo labor dos misioneiros e misioneiras. A Igrexa e a sociedade civil debe estar implicada no labor.

Ser misioneiro é ser evanxelizador. Evanxelizar é liberar, facer xustiza, humanizar. Liberar a este deshumanizado mundo. Algo que entenden moi ben os pobos do terceiro mundo. Coa palabra de Deus, coa boa nova de Xesús, vai a inseparable atención á persoa, á súa saúde, educación, desenrolo da vida dos máis pobres e necesitados. Temos que ir á procura dun novo xeito de vida, baseado na xustiza, no compartir, na opción polos pobres e na fraternidade con todos os seres humanos, sen distincións de pobos, razas, credos e clases sociais. Tamén na defensa e coidado da natureza. A Igrexa chámanos a predicar co exemplo de vida. Obras son amores. Fan falta testemuñas.

Alédanos o recoñecemento a Mans Unidas (Príncipe de Asturias), que tivesen en conta a Cáritas (subvención Xunta) e pola concesión do premio Bravo (da CEE) á serie Padre Casares (TVG) «pola defensa da dignidade do home, dereitos humanos e os valores evanxélicos» (un proxecto de La Voz de Galicia).

Hai moitas maneiras de vivir o amor e a solidariedade. Vale a pena investir en humanidade. Ao xeito do noso mestre, Xesús.