Mini e Mero recitaron a Novoneyra e Casa Hamlet representou a lucidez de Rosalía

María Caravel redac.lugo@lavoz.es

LUGO

O Club Cultural Valle-Inclán, que preside Tonina Gay , iniciou onte á tardiña no salón de actos da Deputación o seu ciclo das Letras Galegas, dedicado este ano a Uxío Novoneyra . Os primeiros en intervir nas xornadas de homenaxe ao poeta do Courel foron os músicos Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesia , máis coñecidos como Mini e Mero . Os outrora fundadores de Fuxan os Ventos ofreceron un recital que levou por título «O canto dos poetas», e no que estiveron acompañados por outros membros de A Quenlla. Hoxe continúa a homenaxe ao poeta do Courel. As actividades -a entrada é libre e gratuíta- continuarán hoxe ás oito cunha conferencia de Dorinda Castro Soliño , catedrática de Lingua e Literatura Galega. A investigadora recitará a Novoneyra nun espectáculo chamado «A voz de Uxío». O ciclo rematará o luns cunha nova charla que xirará en torno aos espazos nos que se desenvolveu a vida e a obra do autor de Os eidos . O encargado de falar será Evaristo Méndez , que preside a asociación A Fonte do Milagro, e que disertará sobre «A Festa da Pisa da castaña no Courel». Santiago Fernández e Manuel Lourenzo puxeron voz e sentimento no Museo aos poemas de Rosalía. E dunha figura das letras galegas pasamos a outra, xa que a área de Cultura da Deputación organizou un recital-concerto dentro dos actos cos que está a conmemorar o 125 aniversario de Rosalía. A compañía Casa Hamlet representou no Museo de Lugo «Ao raso coas lebres. Versos de Rosalía de Castro». O espectáculo mostra a rebeldía e a lucidez dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvelou a situación do pobo e a cultura galega, comezando pola lingua e o seu orgullo pola mesma. Os actores Santiago Fernández e Manuel Lourenzo puxeron voz, expresión e sentimento a estrofas da poeta do Sar. Da parte musical ocupáronse Brandán Lourenzo e Manu Clavijo . Trala reunión que celebrou o padroado do centro asociado, a UNED de Lugo inaugurou onte o novo curso académico. A lección inaugural, titulada «A Universidade e o crecemento económico», correu a cargo de María do Carme García Negro , que é profesora de Economía Aplicada e directora do grupo de investigación GI de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC. O acto desenvolveuse no edificio Forcam e a el asistiron a vicerrectora de Tecnología da UNED, Covadonga Rodrigo San Juan , e o director do centro, José Luis Prieto Arroyo , entre outras autoridades universitarias, municipais e provinciais.