O universo Crebinsky chega a Lugo

C. López LUGO/LA VOZ.

LUGO

A película galega e o grupo responsable da súa banda sonora poderanse ver na capital lucense o vindeiro mércores

01 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O mundo creativo dos Crebinsky cobrará vida o vindeiro mércores en Lugo. Nesa xornada chegará á cidade un singular espectáculo, que inclúe un pasarrúas, un filme e un concerto. A película Crebinsky proxéctarase ás 21.30 no auditorio da Facultade de Veterinaria. Nese mesmo escenario ofrecerá seguidamente un concerto a Banda Crebinsky, responsable da banda sonora da película. Pero antes, ás 20.00, os integrantes desta mesma banda levarán a música da película ás rúas da zona vella da capital luguesa a través dun pasarrúas que partirá de Campo Castelo e rematará na citada facultade.

Esta banda está formada por oito músicos ataviados con uniformes de época de banda de música soviética que ofrecen en directo unha mestura de paisaxes cinematográficas con ritmos frenéticos do leste de Europa. Os componentes son Pablo Pérez, compositor, contrabaixo, responsable dos arranxos e autor da banda sonora; Vadim Yukhnevich, voz e acordeón; Fernando Abreu, clarinete; Carlos Castro, vibráfono e percusión; Xacobe Lamas, violín; Miguel Queixas, batería; Pablo Rega, guitarra; e Enrique Otero, teclados e director da película.

Polo que respecta ao filme, constitúe unha persoal e delirante historia que destila un humor entrañable. Trátase dunha longametraxe rodada en catro idiomas que conta a singular aventura de dous irmáns que inician unha busca desesperada na que rematan por atopar o que menos esperan. Protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, Crebinsky conta cun elenco de luxo formado por Luis Tosar, Celso Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán entre outros.

Tras o seu paso por Lugo esta película iniciará o seu periplo por festivais internacionais, xa que foi elixida como a única película española a competición nun dos certames máis importantes do mercado asiátic: o Pusan International Film Festival, en Corea do Sur, onde este filme se estreará o día 9. Crebinsky foi seleccionado tamén para participar na edición número 34 da Mostra Internacional de Cinema de São Paulo e intenta agora entrar na selección do próximo festival de Sundance.