O novo obradoiro de emprego de Palas terá un módulo de instalacións solares térmicas

La Voz LUGO/LA VOZ.

LUGO

Unhas corenta persoas poderán participar no novo obradoiro de emprego que o Concello palense lle solicitou á Consellería de Traballo. As especialidades que se desenvolverán nese taller serán as de instalación solar térmica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, atención sociosanitaria e albanelería, e entre as obras propostas para ser levadas a cabo polos alumnos figuran o acondicionamento, mellora ou creación de locais sociais en varias parroquias, como a de San Miguel de Coence; e a aplicación de sistemas de aforro enerxético en auga quente e luz eléctrica en varias dependencias municipais. O presuposto deste novo obradoiro de emprego sería duns 800.000 euros e o Concello de Palas pretende levalo a cabo no próximo ano 2011. Así o anunciou o tenente de alcalde, Pablo Taboada, durante a súa visita aos traballos de adecuación da área recreativa de San Cibrao, que levan a cabo os alumnos do obradoiro de emprego Terras da Ulloa. Abastecemento e saneamento Nesta mesma parroquia, e acompañado por membros da asociación de veciños, supervisou os sitios nos que se fará a captación de augas do proxecto de abastecemento e saneamento, que conta cun presuposto de 260.000 euros para a primeira fase e que rematou a súa fase de exposición ao público en días pasados. Non son estas as únicas actuacións en materia de abastecemento e saneamento de augas en aldeas palenses, xa que o tenente alcalde tamén comprobou o estado dos traballos de execución do novo depósito de auga de San Miguel de Coence. Polo demais, o Concello anunciou que redactará os proxectos de abastecemento e saneamento das parroquias de San Xusto, Pambre, Albá e A Ulloa, e tamén dotará de saneamento á parroquia de Cabana.