Oito grupos participarán na undécima edición da mostra, que premiará a Luis Tosar, Neira Vilas e Anisia Miranda
14 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Compañías de Barcelona, Cuenca, Noia, Narón, Vedra, Lugo e Palas de Rei porán en escena as súas obras na edición número once da Mostra internacional de teatro amador de Palas, que se desenvolverá entre o 26 deste mes e o 5 de setembro, e que onte foi presentada no consistorio palense.
As oito funcións serán representadas ás nove da noite no salón de actos da Casa de Cultura, con entrada de balde. Ademais, nesta edición, Metátese Teatro, organizadora da mostra, outorgaralle o premio Mácara de teatro ao actor Luis Tosar; mentres que o premio literario Careón foille concedido a Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda.
Paralelamente á celebración do festival desenvolveranse unha serie de activades, tales como unha exposición sobre os 18 anos de historia do grupo Metátese Teatro, na que tamén se amosará a traxectoria doutros grupos que naceron ao abeiro da citada compañía teatral palense. Esta exposición estará coordinada pola actriz e docente Mónica Pérez Souto e ocupará o vestíbulo da Casa da Cultura.
Ademais, tributaráselle unha homenaxe a Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas, que consistirá na dramatización de fragmentos das súas obras por parte da actriz Aida Sánchez, e a Luis Tosar, de quen se proxectarán fragmentos das súas primeiras actuacións como actor afeccionado.
Xa por último, iniciarase un proxecto de formación dirixido pola actriz profesional María Creo, destinado á creación do espectáculo que Metátese Teatro presentará en Bos Aires na Semana Santa do ano que vén.