O Instituto de Estudos da Cidade, unha idea de Colmenero

La Voz

LUGO

Foi flor dun día, das moitas que os políticos nos regalan aos lucenses. Ao final todo queda reducido a un titular de xornal. E esta xogada xa nola fixeron dúas veces con este asunto. O 2 de marzo de 2000 o entón presidente da Deputación Provincial anunciou que estaba facendo xestións para a súa creación.

Encargaríase de coordinar as escavacións arqueolóxicas, facilitar a súa divulgación a través de publicacións, e investigar calquera época histórica da cidade, vinculándoo ao Museo Provincial, como sempre, «arrimando a ascua á sardiña».

En realidade parece que era un pretexto para conseguir axudas da Consellería e do Ministerio de Cultura para a súa ampliación.

A idea, que era de Antonio Rodríguez Colmenero, retomouna despois a Universidade de Santiago, que o constituíu formalmente, nomeando director. Pero naceu morto porque a decana da Facultade de Humanidades, pediu que participasen todos os departamentos. Así que fixeron un Instituto pechado, da facultade, e para eles. E como «pote de moitos, mal cociñado», a estas alturas non se coñece que o tal Instituto fixese algo.

Con todo a súa finalidade e algúns dos seus obxectivos podían aproveitarse para crear unha fundación.