«O polígono está pendente da electrificación para poder dar licenzas»

C. López LUGO/LA VOZ.

LUGO

O rexedor analiza a marcha da actividade municipal, mentres o concello se prepara para as festas

07 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa celebración hoxe da cuarta edición da Festa da Natureza, e a vindeira semana das festas de San Cristovo, o concello de Baleira anda inmerso estes días en festexos. Trátase dunhas xornadas que se viven dun xeito moi especial por parte de todos os veciños, e tamén do propio alcalde.

-¿Como vive Baleira as súas festas?

-Son días dun fondo significado para todos os que residen neste municipio e tamén para os que veñen de fóra, que cada vez son máis, porque os que acoden un ano despois repiten polo ben que se atopan entre todos nós.

-Facendo un paréntese nas festas, ¿está xa en marcha o polígono industrial?

-A urbanización dos terreos xa rematou e no Concello xa estamos recibindo as solicitudes de licenza de empresas que se queren instalar no parque empresarial, pero agora mesmo temos un condicionante, posto que Fenosa non nos dá enganchado a luz, e sen subministro eléctrico non podemos conceder licenzas.

-¿Cómo vai a dotación de servizos ás zonas rurais?

-Despois dun dos invernos máis duros, que deixou danadas moitas infraestruturas, puidéronse acometer as reparacións necesarias e todo volveu máis ou menos á normalidade. Polo demais estamos acondicionando os accesos aos núcleos do municipio con aglomerado en quente. Rematouse practicamente a primeira fase e agora agardamos poder levar a cabo unha nova adxudicación nas parroquias restantes. Aínda que todos os núcleos municipais xa contaban con accesos asfaltados, co aglomerado en quente mellórase moito o seu aspecto e afórrase en mantemento.

Estas e outras melloras non só as perciben os veciños de Baleira, senón tamén os que están fóra e retornan estes días aos seus lugares de orixe.