García Gesto

Xulio Xiz

LUGO

06 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A música lucense está de loito por José García Gesto, que se nos foi en silencio, discretamente, como discreta foi toda a súa vida.

Melómano impenitente, un dos seus maiores placeres era irse coa súa dona a Granada para disfrutar do festival de música. Durante décadas foi o secretario da Sociedad Filarmónica de Lugo, é dicir Filarmónica, Gesto e Música foi o mesmo durante moito tempo.

Nos anos que estiven no Concello, puiden coñecer ben a Gesto que organizaba a Semana de Música do Corpus quitándolle importancia ó seu traballo e saber, e valorando sobremaneira o de calquera outro. Daquela e doutras experiencias quedounos unha amizade xeitosa na que el poñía case todo. E por riba tiña palabras garimosas sempre, en todo lugar, con todos.

Levaba anos retirado da xestión musical, dedicado á súa familia e á súa finca, acudindo a Lugo para comprobar que o rural é o mundo perfecto para a vida de xubilado.

Pequeno no físico, era moi grande por dentro. A música facíalle ferver o sangue, e aceleraba os seus pulsos. Foi o máis fervente defensor da música e de Lugo, e as Semanas de Música que el desinteresadamente organizaba eran pezas dunha antoloxía que non volverá brillar dese xeito.

Cada vez son máis amigos os que están no alén, seguindo o que proclama a placa do cemiterio de Trobo: «Aquí estan os nosos osos esperando polos vosos». 92 anos non son nada, e Gesto merecía vivir moita máis música, moito máis Lugo, e moitos máis amigos.

Que a terra lle sexa leve e no ceo musical no que se atope os anxos lle canten músicas xeitosas. Pero, ollo!, sen desafinar, que para el eso máis ca un pecado era un delito.

redac.lugo@lavoz.es