Vén de vello. Do 1669. Van 341 anos. Unha historia e tradición xunguidas polo especial privilexio da exposición permanente do Señor. Na seo de Lugo. Unha responsabilidade e un compromiso que debemos vivir, en coherencia e dignidade. E con moito respecto! A Comunidade Autónoma, representada polos alcaldes das sete capitais do antigo reino e as actuais autoridades relixiosas e políticas de Galiza, provincial e local, están hoxe aquí presentes para revivir e celebrar, do mellor xeito posible, esta fermosa tradición.
Loamos que, por riba de crenzas relixiosas e ideoloxías políticas, se teña respectado e se manteña a tradición. Parabéns para todos! Soa a coherencia e a responsabilidade do Pobo. Como galegos e crentes, temos de seguir o exemplo dos nosos antepasados vivindo a Presenza do Señor, feito Carne, Pan e Vida e que hoxe se manifesta nos pobres.
Vivir o Corpo de Cristo significa compartir fe e pan. «Nin Misa sen mesa, nin Corpus sen corpo». Os cristos actuais son os pobres, os famentos, os parados, inmigrantes, mendigos. Xesús díxonos: «Os famentos e os pobres tédelos entre vós» Aínda máis: «Dádeslles vós de comer». De boas intencións, palabras e promesas, andamos todos ben. Mesmo as autoridades. Pero fallan os feitos. Cómpre darlles traballo, oportunidades, créditos. Tamén respecto, ilusión, esperanza. En Galicia, hai medio millón de persoas en pobreza extrema. Engordada a cifra pola crise. Diante a caridade (moi ben Cáritas) debe ir a xustiza distributiva da riqueza, que inclúe postos de traballo e que é labor e obriga dos gobernantes. Niso está o miolo, a esencia desta Festa. O Corpus é unha festa solidaria, galega e cristiá. De non ser así, habería hipocrisía. Boas festas para todos e todas!