«Os efectos da primeira lei antitabaco diluíronse enseguida»

Lucía Rey
Lucía Rey LUGO/LA VOZ.

LUGO

A facultativa lucense moderou onte un debate no Colexio Médico de Lugo polo Día Mundial sen Tabaco

01 jun 2010 . Actualizado a las 12:56 h.

A lei que desde hai varios anos prohíbe fumar na maioría dos establecementos públicos debe ser reformada e ampliada para abranguer todos os locais de hostelería. Esa é unha das máximas que defende a médica de atención primaria Andrea Gallego, que traballa no Centro de Saúde Sagrado Corazón e que é experta en tabaquismo pola Universidad de Cantabria. Con motivo do Día Mundial sen Tabaco, onte moderou un debate no Colexio Médico de Lugo.

-¿Cal é a incidencia das consecuencias do tabaquismo na provincia?

-As últimas cifras que manexamos son a nivel de toda Galicia. Na comunidade morren cada día 9 homes e unha muller por enfermidades atribuíbles ao tabaco, e nos próximos anos aumentará sustancialmente o número de mulleres. Os datos están igualados nas catro provincias, aínda que en Lugo están un pelín máis suavizados porque a poboación está máis envellecida e moitas mulleres de máis idade non fumaron nunca.

-¿Ata que punto é malo fumar?

-O tabaco está relacionado con máis de 25 enfermidades, sendo responsable do 30% de todos os cánceres, do 85% dos de pulmón, así como do 75% das bronquites crónicas, enfisema, asma e do 25% de cardiopatías isquémicas. A cuestión da protección á saúde ten que se prioritaria, e hoxe a lei discrimina aos traballadores de hostelería, aínda que está probado que o fume ambiental é moi nocivo.

-¿Que consecuencias tivo a primeira lei anti tabaco?

-Os efectos diluíronse enseguida. No primeiro ano de aplicación houbo un baixón no número de fumadores, pero a partir de aí o efecto fíxose neutro porque non houbo sancións para incumprimentos, en cada comunidade autónoma aplicouse máis en función de criterios políticos que de criterios sanitarios... E a xente seguiu fumando. A nova lei debe ser contundente en relación cos espazos públicos.

-Moitos fumadores síntense atacados...

-Que se amplíe a restricción é unha medida de saúde pública, non unha loita entre fumadores e non fumadores, que son os que ven os seus dereitos máis prexudicados. En Galicia case o 75% da poboación é non fumadora. Case un 54% non fumou nunca e sobre un 20% é ex fumadora.