A posibilidade de agradecer o labor de Cáritas Diocesana Lugo e a súa contribución neste Día da Caridade 2010 que hoxe celebramos supón para min un motivo de especial orgullo. Sen dúbida, as circunstancias difíciles da súa historia fixeron de Galicia unha comunidade solidaria e nelo tiveron moito que ver as achegas de todos os voluntarios de Cáritas que neste día quixera recoñecer de forma institucional e persoal. O traballo comprometido en prol dos máis necesitados, o dar sen esperar recibir é un elemento esencial da tarefa social que entre todos temos que levar adiante. Máis aínda nun momento de crise coma o que vivimos, no que iniciativas como as que levan a cabo diariamente nos lembran a importancia dos valores máis profundos como antídoto á actual situación de desesperanza.
Son moitos os servizos que prestades: mantemento do roupeiro, atención a maiores e discapacitados, coidado de familias necesitadas, acollida de inmigrantes... e todos teñen un denominador común: a prevalencia do benestar do próximo fronte á tiranía do propio egoísmo. Polo voso compromiso permanente ante a sociedade, queremos darvos as grazas e animarvos a continuar a tarefa de acción e de concienciación contra a exclusión social. A Xunta recoñece a contribución que tendes realizado, dende o máis absoluto dos anonimatos, por crear un mundo máis solidario, xusto e equitativo para todos.