E
scoitar ou ler nos medios o que a un lle gustaría faise tarefa complicada, pero aínda así, seguímolo intentando.
Agarro a prensa, achégome á mesa, sento -como non- e pido o de sempre: un cortado. Xusto ao lado, como todas as tardes, «os catro fantásticos» e ese agradable cheiro a puro. Miro de esguello a escena e non descubro nada novo: unha baralla cuarteada, un tapete verde medio roído e dúas banquetas como improvisadas mesiñas auxiliares para as bebidas. Todo con moita soleira. ¿A escusa? Non faría falta, pero é a de sempre: un tute subhastado.
Os catro amigos van cantando números e eu deixo de prestarlles a atención que merecen. Aínda así, soan igualiño que o cómputo de asistentes a unha manifestación. A de Monforte, por exemplo: que se vinte mil, que se dez mil? deixémolo en quince. Quince mil é un bo número e máis nunha vila de vinte mil habitantes. Mesmo dá para unha voda dos Aznar no Escorial.
Milleiros de persoas que saen á rúa. Civilizadamente cabreados, pero cabreados ao fin. ¿Por qué? Pois porque se están quedando sen sanidade pública. Porque teñen un hospital, si, pero con cada vez menos contido. E os edificios baleiros, xa se sabe, non valen para moito.
Como baleiro quedará tamén -aínda máis- o ambulatorio da Praza do Ferrol. Pero o Partido Popular en Lugo -cada vez menos de Lugo- segue disposto a encaixar o desgaste antes que o sacrilexio de pronunciar unha nota disonante ao discurso da turolense Pilar Farjas.
Poden máis os intereses do partido que os intereses de todos os lucenses, aínda que sexan contrapostos, que o son e cada vez máis.
redac.lugo@lavoz.es