Un cento de textos por Fole

Valente LUGO / LA VOZ |

LUGO

Os xurados dos premios de narración curta do Concello destacan a calidade das obras presentadas este ano

11 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ánxel Fole sentiríase orgulloso se onte escoitara que preto dun cento de textos se presentaron á duodécima edición do Certame de Narración Curta que promove o Concello de Lugo nas categorías de galego e de castelán. Os xurados de ambos premios, dotados con mil euros para os gañadores e 500 para os segundos, valoraron onte as obras presentadas e destacaron a calidade das mesmas.

O xurado de elixir aos gañadores en narración castelán foron o poeta Saturnino Valladares, o escritor Pablo Núñez e o xornalista Suso Varela. Decidiron conceder o primeiro premio á obra Matar a un hombre , de María Luisa Frisa Gracia, de Zaragoza. Trátase dun relato histórico ambientado na Guerra Civil e cunha clara homenaxe a escritores como Hemingway, sinalou o xurado. En segundo lugar quedou No solo de frío se tirita , do cordobés Manuel Luque Tapia. Segundo o xurado destacou a forte carga emocional do relato.

No tocante aos textos en galego, o xurado estivo formado polo profesor Primitivo Iglesias, a profesora Carmen Silva e o escritor e docente Toño Núñez. O primeiro premio foi para Encontros e desencontros , de Alberto Gómez Aneiros, veciño de Santiago e nado no Ferrol. O xurado resaltou a súa técnica, «que partindo dun blog crea un relato cunha atractiva tensión narrativa». En segundo lugar quedou a obra O sangue que tinxe as rúas de Gottan , de Alberto Rodríguez, de Ourense. O xurado gabou a súa «impecable calidade literaria».

O xurado de galego decidiu conceder un accésit a un relato que sorprendeu polo seu léxico e «as riquezas metafóricas». Trátase de A pleitesía do sorriso nas gamelas , de Rocío Leira Castro, de Cee.

A edila de Cultura, Nuria Mundiña, destacou na presentación dos gañadores, que o certame de narrativa Ánxel Fole «cada ano esperta moito interese, non só en Galicia, senón no ámbito nacional». Mundiña sinalou que como aconteceu nos últimos anos, o Concello publicará os catro relatos gañadores coa fin de darlle a maior publicidades ás obras premiadas.