O fantasma do Gran Teatro

Carlos Ferreiro

LUGO

Derrubar o convento das Salesas para levantar unha enorme montaña de formigón -edificio multiusos da Xunta- xa non pareceu moi normal. Tampouco o foi demoler o Gran Teatro, que non nos deixou máis que unha ferida na memoria e unha rúa co seu nome.

As dúas foron sentenzas do mesmo partido político, o mesmo que agora decide baleirar a Praza do Ferrol. E é que cando o Partido Popular toma decisións deste tipo, non hai nada máis raro que a realidade e dixerila faise case imposible.

Hoxe o fantasma do Gran Teatro reaparece de novo. Sobrevoa a Praza do Ferrol, mira cara ao ambulatorio -centro de especialidades- e todos os lucenses volvemos sentir o mesmo vértigo pola perda doutro referente. É certo que non será derrubado, pero a puñalada será mortal. Baleirarano de pacientes e xa só quedará contar cantos postos de traballo se perden e cantos negocios desaparecen co ambulatorio da Praza do Ferrol.

No último pleno municipal falouse do tema, entre outros, claro. Máis alá de discusións bizantinas, en ano santo, as escusas peregrinas dos populares transluciron a disciplina ao partido, a obstinación partidista e o interese de custear carreiras políticas «persoaísimas» cos cartos de todos os lucenses. 

Jaime Castiñeira, o candidato, preferiu o encontronazo ao encontro e a todos nos quedou a mesma pregunta: Para que serve unha delegada territorial?

A rúa é un clamor e ao asomarse á realidade a través do ollo da pechadura da prensa un observar que o publicado coincide, agora si, plenamente co público. Público, como tería que ser o aparcadoiro do novo hospital pero?

redac.lugo@lavoz.es