Familias enteiras colaboran para que os visitantes o pasen ben en Muimenta
02 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Esto xa é máis que unha festa, é un encontro interxeracional», explicaban onte en Muimenta os membros dunha familia que acudiu á Festa da Filloa, para degustar este prato típico do Primeiro de Maio acompañado, iso si, «dun bo churrasco», que «non pode faltar». Así, familias enteiras deciden que esta cita gastronómica sexa tamén un encontro «ou de traballo», porque «a nosa familia aquí o que vimos é a traballar, a botar un cable», explican outros.
E é que polo menos son dúas familias de Muimenta das que tres xeracións acoden como voluntarios «e case dende o comezo da festa», explican. Avós, pais e nenos teñen xa os seus cometidos estudados «e dun ano para o outro xa sabemos o que temos que facer». Unhas funcións que, comentan, «tamén van cambiando conforme pasan os anos, porque non é o mesmo estar servindo con 20 anos que facelo con 70». Así, para unha cita como esta de Muimenta fan falta filloeiras, que este ano rondaron o medio cento «e incluso se nos uniron moita xente menuda que fixo non fai moito un curso para aprender a facelas, e dáselles moi ben». Tamén é necesario que haxa churrasqueiros, «que xa temos moi aprendido o oficio, aquí hai pouco relevo, fai falta unha técnica que nós xa temos aprendido». E despois son indispensables os voluntarios para servir, atender, repartir comida... «porque o que queremos é que todo o mundo saia contento daquí, independentemente dos quilómetros que teñamos que facer nós que son, dito sexa de paso, uns poucos ao día».
Así, o traballo onte no recinto feiral de Muimenta comezou a primeira hora da mañá colocando todo para o gran día, acendendo plantas e colocando mesas. Despois foi o turno do pregón, este ano da man da xornalista María Yañez, natural da chaira. Un acto no que tamén estivo o alcalde de Cospeito (Armando Castosa), entre outros rexedores veciños e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Ademais, foi nese momento cando recibiron os seus agasallos os nenos e rapaces que participaron nos concurso de debuxo e relato, este ano sobre a filloa e o Camiño de Santiago.
Pero non só filloas e churrasco houbo en Muimenta, tamén moita artesanía e a oportunidade de sentarse nun baqué de competición para participar no primeiro Rali Virtual Festa da Filloa da man de Basanta Motorsport.