Festas

Xulio Xiz

LUGO

P

osiblemente me quede algunha no tinteiro, pero visto está que o remate da Semana Santa e a Pascua son xornadas proclives á actividade festeira.

En Sarria, as antigüidades volveron facerse donas da rúa; en Triacastela, o sábado dedicáronse á artesanía, con importantes connotacións gastronómicas; pero as celebracións puramente gastronómicas leváronse a palma cando Pedrafita se dedicou a honrar o queixo do Cebreiro; a miña terra vilalbesa colapsouse co queixo de San Simón; Quiroga aplicouse intensamente ao seu viño e Portomarín celebrou unha triunfal xornada do Día da augardente.

Dubido que haxa algún fin de semana -invernal ou do verán- que na xeografía lucense ofreza tal variedade gastronómico-festeira para engaiolar devotos.

Desde Triacastela alzouse a voz de Raquel Arias como pregoeira, que tivo contrapunto no tamén xornalista Toni López falando do queixo vilalbés, enlazando coas verbas do cociñeiro Benigno Campos entre os vapores da augardente, para rematar co imprevisible Jimmy Jiménez Arnau enxalzando o viño quirogués.

Foi moito para unha fin de semana de paixón, que cada quen expresa como mellor sente, e servirá de catarse para enfrontarnos a esta nova semana onde a realidade nos reafirma -críticos coa crise e connosco- que o mesmo que despois da tempestade chega a calma, despois de tanta festa haberá que traballar.

Que as festas están moi ben para os pobos que as organizan; resultan tremendamente rendibles económica e socialmente e sentan ben aos corpos, pero tanta ocasión festeira é un aviso para os festexeiros de que hai que fincar os cóbados, que xa está ben de troula.