O Xacobeo esqueceu da promoción dos patrimonios da humanidade galegos
21 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O número de visitantes que veñen como turistas a Lugo, non está en consonancia co dunha cidade que ten un monumento coa distinción de Patrimonio da Humanidade. Nin sequera se corresponde co dunha cidade semellante, pois aínda que dispomos dun patrimonio artístico modesto en cantidade, temos cousas moi boas, e sobre todo, e non me cansarei en insistir, un patrimonio arqueolóxico pouco extenso á vista, pero potencialmente moi importante.
O conto da Leiteira do Xacobeo tropeza en Lugo con dúas verdades como puños. A primeira, supondo que fose verdade que este ano virán a Santiago 10.000.000 de visitantes, non poderiamos aproveitarnos da estancia en Lugo dunha parte desa marea humana que por devoción, por pracer, ou polas dúas cousas, caerían como maná sobre estas terras, porque non teríamos infraestrutura hostaleira para albergala.
A outra verdade é que o noso turismo é tan fráxil, tan de ocasión, que nun ano normal non chegamos a ocupar todas as prazas que temos. A oferta que hai sobra para a demanda actual. Porque non nos enganemos, a ocupación hostaleira en Lugo débese, na maior parte, ás persoas que ao longo do ano veñen aquí por negocios ou outros asuntos, non son turistas. A outra verdade é que tampouco dispomos neste momento de promoción da provincia e de produto cultural suficiente na capital para reter aos visitantes máis dun día a pesar de ter un enorme potencial de recursos sen explotar e sen promocionar. A coordinación e a colaboración entre institucións para a elaboración de plans conxuntos de actuación e promoción é fundamental se queremos romper esta dinámica de solpor na que estamos metidos.
O caso de Pontevedra
En Pontevedra comezou a funcionar un ente de promoción turística da cidade que colleu o Museo de Pontevedra e as súas actividades, que é da Deputación e no 2011 abrirá ao público a ampliación, como producto de oferta ao turista porque o consideran como un dos mellores museos provinciais de España. É dicir, cada quen ofrece o mellor que ten, e nós ademais de ter un bo Museo Provincial tamén temos moitas máis cousas para mostrar.
Se os hostaleiros españois non sabían en decembro que o 2010 era Ano Santo, o de Lugo non é mellor. No concurso de TVE, Saber y Ganar, tres concursantes bastante ilustrados non souberon contestar á pregunta «¿Por qué monumento Patrimonio de la Humanidade es conocido Lugo?» Un respondeu que por unha torre. ¿Ten xustificación unha resposta deste tipo dez anos despois da declaración?
Máis preguntas. ¿Alguén fixo unha promoción de Lugo no tempo axeitado e coa intensidade suficiente para aproveitar o tirón do Ano Santo? ¿Alguén se preocupou de publicitar fóra da cidade de Lugo que no 2010 cumprimos 10 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade? ¿Por que a Xunta nos seus anuncios saca á Torre de Hércules, o Camiño e Santiago e se esquece da Muralla que tamén é Patrimonio da Humanidade?
Ninguén dubida de que posuír un monumento con este título é un reclamo per se, pero non suficiente. A distinción é como a fe cristiá, que por se soa non vale para nada. É un moi bo punto de partida como reclamo, como mercadotecnia, pero hai que traballalo día a día, con maior ou menor intensidade, pero continuamente. Se se fixo algo, debeu ser insuficiente ou non se fixo ben, porque non se perciben os resultados.
?Campañas de promoción
Agora que temos en Galicia o Camiño francés, á cidade de Santiago, a Muralla de Lugo e a torre de Hércules na lista de monumentos Patrimonio da Humanidade, a Xunta, os respectivos concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, deberían de facer campañas de promoción conxuntas, con independencia do traballo que faga cada unha destas institucións. ¿Quen non coñece o spot publicitario Andalucía te quiere que desde hai anos e reiteradamente vemos en determinados momentos do ano nas televisións?
Perda de oportunidades
A Xunta xa nos ignorou no anuncio de promoción, con slogan posmoderno: Agora é cando, Galicia é onde . Non sabemos se a omisión é por ignorancia fortuíta ou deliberada. Se quere ainda está a tempo de rectificar. Sae a Torre de Hércules, a capela de San Pedro de Portomarin e a catedral de Santiago. Perdeuse a oportunidade de promocionar os catro Patrimonios da Humanidade de Galicia, se incluísen a Muralla de Lugo, cidade por onde tamén pasa o Camiño Primitivo. Se fosen máis agudos, matarían catro paxaros dun tiro.
?
?