O Seminario de Lugo

Xesús Mato

LUGO

Protagonista da semana na diocese lucense. Non só no eido espiritual, cultural/social senón tamén histórico/simbólico. Días de festa e agradecemento. Que comezaron o pasado venres coa presentación do libro El Seminario de Lugo, Historia y Fidelidad , entrega premios concurso narración curta e inauguración exposición conmemorativa. O xoves 18, monseñor Afonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo, acompañado dos bispos de Galiza e doutras dioceses, autoridades e sacerdotes diocesanos vai presidir a Eucaristía e realizar a bendición do veterano edificio que ven de ser restaurado. Pola noite, vixía de oración vocacional. O día de San Xosé, dous seminaristas acadarán o sacerdocio e un o diaconado. Parabéns! Boa nova ante a necesidade de pastores para a diocese de Lugo. Preceden as celebracións as xa clásicas «Xornadas Abertas de Teoloxía (XXIV)» sobre o «Sacerdocio e Sociedade» que impartirán dous bispos e un profesor da UPSA. Será unha semana chea de ciencia, vida, historia, lembranzas. Perigo de nostalxias estériles. «Nin morriñas polo pasado nin temor polo futuro» proclama a Campaña do Seminario. Semana axeitada para reflexionar, sacerdotes e laicos, sobre a situación da diocese. Xa o estamos a facer bispo e cregos. Deben falar tamén os laicos. Para iso cómpre facilitarlles canles. Animalos! Escoitalos! Non estamos na hora decisiva («nunca é tarde se a dita é boa») para retomar a incorporación dos laicos que impulsou o Vaticano II e o Pastoral de Galiza!? Que estamos a facer nesta liña!? Pouco. O Espírito segue chamando. Somos necesarios todos. E que nós os cregos sexamos, sobre todo, testemuñas, profetas.