O 1 de marzo foi luns. Un como outro calquera. Un deses que fan do venres un día tan especial; se tes curro, claro. Un luns como o que escolleu León de Aranoa para fixar a imaxe do cru retrato do paro. Galicia desprezábase logo dunha fin de semana en compañía dun ciclón con nome de muller e miraba de esguello a unha Francia inexplicablemente fendida.
Estreabamos semana e mes e con el, cada vez máis galegas e galegos ao sol. Historias de homes e mulleres con nome e apelido que se perden entre frías porcentaxes anónimas. Ese mesmo día, Feijoo estaba en Roma. Na súa viaxe a cidade do amor, para promover o Xacobeo, o presidente da Xunta preferiu a compaña da súa moza á de Roberto Varela, conselleiro de Cultura. Sobran os comentarios.
O 1 de marzo, a oficina de prensa da Santa Sé emite un comunicado; informa de que esa mesma mañá o Bispo de Roma e Pastor -alemán de Baviera para máis datos- da Igrexa católica, Joseph Ratzinger, recibe en audiencia ao «Arzobispo Julián Barrio Barrio, de Santiago de Compostela (España) y séquito».
E Feijoo? Feijoo e a súa comitiva eran o séquito do Arcebispo. «Pasaba por aquí» que cantaba Aute. A visita, que soou a escusa para xustificar gastos da romántica viaxe, pasaría por ter sido un éxito -«en el sentido más peyorativo del término»- de non ser pola intermediación do embaixador de España en Roma; a cada un o seu.
O 1 de marzo, pleno no concello de Lugo. Por resumir: Clases de cálculo, astucia, habilidade e goberno. O encontro foi interesante e fíxose evidente aquilo de que «Quod natura non dat, Salmantica non praestat». Agora, cada un que o conte como queira.
redac.lugo@lavoz.es