Lugo, destino e punto de partida

Adolfo de Abel Vilela

LUGO

A colaboración é básica para conseguir que o turismo na cidade deixe de ser de paso e sexa un lugar de fin de semana

21 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nestas mesmas páxinas dicíase nunha reportaxe que a estancia media dos turistas en Lugo era a máis baixa de España, superándonos Zamora, Burgos e Guadalajara. Para o turismo somos descoñecidos e ademais unha cidade de paso. Con todo os visitantes cando chegan sorpréndense do que ven. E iso evidencia que falla a promoción. Nin que dicir ten que a propaganda fóra de Lugo é fundamental para darnos a coñecer. Ademais de participar en Fitur, descoñezo que accións desenvolve o Concello neste campo, pero polo resultado parece que as que se fan non son moi eficaces.

Observo que o localismo que impide un desenvolvemento racional de Galicia tamén se dá en Lugo nalgunhas cousas. A Cámara de Comercio, o Concello e a Deputación, cada un polo seu lado, queren a súa entidade propia para a promoción turística. O Concello aprobou no pleno do 1 deste mes a memoria para crear unha empresa mixta de turismo, co obxectivo de promocionar e elaborar todas as actividades relacionadas co turismo na capital, na que parece que vai estar a Cámara e a Asociación Provincial de Hostalería.

Pero con independencia disto entendo que a Deputación, coa participación dos concellos, Cámara e Asociación de Hostalería, tería que encargarse da promoción de toda a provincia. Porque a promoción da cidade ten que ir nun paquete que inclúa a provincia, que os turistas manifestan que queren coñecer. ¿Non sería mellor que todos se puxeran de acordo para axuntar criterios e esforzos? Porque dá a impresión de que o que menos importa son os obxectivos e o resultado final, senón quen vai ter o control do tema.

Lugo non se debería conformar con ser lugar de paso, senón punto de partida para outros destinos galegos. Xa dixemos que este ano os turoperadores van a utilizar a Lugo como base ou punto de chegada cara Santiago. A nosa promoción non debe basearse só no noso senón no que temos na contorna. Por iso é importante a colaboración entre os concellos da provincia e outros de Galicia.

A Coruña e Santiago están a uns cen quilómetros de Lugo, a pouco máis dunha hora. O mesmo ocorre con Monforte, a Ribeira Sacra, Os Ancares, O Courel, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, o resto da Mariña e Ourense. Como algún día teremos autovía a Ourense e Santiago, xa non digamos tren, o tempo de desprazamento será menor. Xa que logo preparémonos para ser lugar de partida para outros destinos con retorno e renunciemos a ser só lugar de paso, porque temos unhas posibilidades enormes que hai que desenvolver.

Turismo de fin de semana

A experiencia demostra que empezan a visitarnos persoas que viven a uns trescentos quilómetros de distancia. É o turismo non estacional, de fin de semana e de ponte. Hai que promocionarse nos medios de comunicación, especialmente en televisións autonómicas e locais, de provincias como Oviedo, León, Burgos, Valladolid, Soria, Zamora e Salamanca. Dado que está comprobado que os turistas españois son os que máis nos visitan, a Concellaría de Cultura e Turismo podía dedicar, polo menos, 280.000 euros anuais a isto, e outro ano facer a campaña en Madrid e así seguindo nas urbes con máis poboación. Do mesmo xeito que nós visitamos as súas cidades e provincias, eles tamén poden vir aquí para gozar da nosa paisaxe, das praias, da gastronomía, dos monumentos e da nosa cultura.

Os recursos públicos deben de rendibilizarse ao máximo sempre, pero máis aínda cando baixa a recadación, como ocorre neste momento de crise e todos din que hai que crear postos de traballo. No chamado Plan Estratéxico de subvencións do Concello para os anos 2008-2011, contémplase unha partida de 280.000 euros anuais, como subvencións «en materia de turismo».

En teoría estas axudas teñen por obxectivo apoiar as iniciativas que promovan a imaxe do municipio, pero que na práctica están destinados a clubs deportivos, algún S.A., que xa reciben subvencións a través da Concellaría de Deportes e doutras institucións, cando, ao meu entender este diñeiro debería estar destinado a auténticas campañas de promoción como as que apuntamos. Teño enormes dúbidas de que estes clubs «promocionen a imaxe do municipio cara o exterior» e que grazas a eles se consiga a «maximización do potencial turístico do municipio», segundo se di na literatura do citado plan. Os resultados non din que sexa así.

As visitas teatralizadas

Este ano estarán dedicadas á Muralla. Serían unha forma máis de presentar a historia da cidade ante os seus monumentos, pero eu que as vin varias veces en distintos anos por razóns de veciñanza, parécenme unha parvada e un tirar os cartos do Concello e do turista que pica e paga, mentres outros o poden presenciar gratuitamente. Dada a calidade do espectáculo considero que é unha propaganda máis negativa que positiva para a promoción turística. Aquí temos grupos de teatro que o podían facer igual ou mellor que o que ven de fóra, tanto no contido do guión como na súa interpretación. Teño a impresión de que só serve para que falen do tema os medios locais tres veces durante o verán, pero iso non creo que sexa o principal obxectivo desta actividade.