Luisa Tosar

Xulio Xiz

LUGO

Cando esto escribo (Domingo de Antroido, 23,40 horas), Luis Tosar recibe un Goya ó mellor actor como protagonista da película Celda 211 . Contemplo na televisión como no medio do natural ambiente festivo, sube a recibir o premio, e despois de afirmar que o galardón é de todos os que na película interveñen, proclama en galego o seu agradecemento a seus pais e súa irmá, dando un perfecto exemplo de amor á familia, ó idioma e á terra. Soaba tan ben o seu idioma chairego desde Madrid, pola Primeira, urbi et orbe, que sentín que o premio de Tosar nos alcanzaba a todos os que o coñecemos e admiramos.

Coñezo a Luis Tosar desde que hai unha quincena de anos gravou co grupo Achádego un anuncio televisivo para a productora Ophiusa. Xa daquela era un profesional que volvía ás orixes para reforzar o traballo creador dos seus amigos lucenses do teatro.

Unha ducia de anos despois atopámonos na Semana de Cine, nunha homenaxe que Fonmiñá lle fixo como lucense destacado na séptima arte, e comprobei que aquel rapaz seguía a ser o mesmo, que se lembraba de todos nós, que non lle afectaba o mal de altura da fama e do triunfo. Que era moito máis grande aínda do que nós pensábamos, porque non esquecía a súa xente e a súa terra.

Agora, na gloria dos Goya, demostra que é o mellor actor español do ano, que non esta nada mal para un rapaz de Cospeito que triunfa na que debe ser a profesión máis difícil deste mundo. Pero sobre todo demostra que segue a ser un dos nósos que, aló no cumio, segue a respirar un aire tan puro como o que ven do mar e pasa ouveando (Manuel María dixit) polas amplas planicies da Terra Chá.

redac.lugo@lavoz.es