Esta semana tivemos ocasión de escoitar outra sonora labazada á «política lingüística» da Núñez Feijoo. Esta vez foi o Consello da Cultura Galega. Outros radicais máis! que non veñen máis que a reafirmar o clamor da maioría sonora e que define os despropósitos da Xunta de Galicia como unha «fonte de conflictividade».
Pero nisto, como en case todo, o Partido Popular parapétase baixo o palio de «El que no está conmigo, está contra mí, y el que no recoge conmigo, desparrama» (Lucas 11, 23).
O último pleno do Concello de Lugo o PP tivo ocasión de volver ao consenso e recoller a luva tendida pola maioría de partidos cunha moción que non pedía máis que iso: a volta ao consenso. Non foi posible. O PP de Lugo, lonxe de absterse, deu un paso á fronte, cadrouse e levantou o brazo dereito para votar en contra. Puido máis a disciplina de partido que a lealdade con Galicia. Non foron quen de escapar desa sinerxía centrípeta que exerce o partido e da que si se libraron, coas súas loitas, en Ourense.
Aquí imponse o seguidismo. Conclusión: o Partido Popular enrócase na recitación dun soliloquio sen réplica, pero ollo: Mentir e comer peixe require de moito coidado.
Onde si que hai debate é na rede. A voltas coa enerxía nuclear, grupos de Facebook propoñen situar o cemiterio nuclear no Valle de los Caídos. A proposta non estaría mal se establecemos un principio de correspondencia polos traballos prestados por Paco: lixo (nuclear, iso si). Pero coidado cos desexos.
De non telo enterrado en Xerusalén (ante o temor a que resucitase ao terceiro día) a ver se agora a radiación nos devolva un caudillo fluorescente.
redac.lugo@lavoz.es