O campus máis internacional

La Voz

LUGO

Os alumnos estranxeiros que estudan este cuadrimestre en Lugo foron protagonistas nun encontro na Politécnica

21 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O campus lucense da USC mostrouse onte máis internacional ca nunca coa celebración do International Day. Os máis de oitenta universitarios estranxeiros que estudan en Lugo este cuadrimestre convertéronse nos mellores embaixadores dos seus países de orixe na xornada que acolleu a Escola Politécnica Superior (EPS), e que organizou a Vicerreitoría de Política Internacional da USC en colaboración coa Asociación Enxebre Compostela.

Ao longo da mañá, estudantes de Turquía, Filipinas, Uzbekistán, Italia, Portugal e Chequia presentaron os seus lugares de orixe, facendo referencia á xeografía, á historia, á gastronomía e á vida estudantil. Os rapaces mesmo colocaron postos ambientados nos que profesores e alumnos puideron degustar produtos típicos dos distintos países.

Presentación de culturas

O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell, e o director da EPS, Javier Bueno, foron os encargados de inaugurar o encontro, no que se destacou a importancia de que sexan os propios estudantes os que presentan as súas universidades e culturas á vez que promoven a mobilidade.

Neste sentido, Bárbara Rovira, da oficina de Relacións Exteriores do campus de de Lugo, explicou os programas de mobilidade que están en marcha neste curso.

É o caso das bolsas Erasmus, os convenios bilaterais con Iberoamérica, con países de fala inglesa ou con Suíza. Tamén fixo referencia aos requisitos esixidos para participar noutros programas que se convocarán en breve, como o Sicue, o Séneca ou as prácticas Erasmus.

O International Day contou tamén con actividades culturais, da man da Compañía de Teatro do campus de Lugo e do Espazo de Danza Universitaria da USC.

O campus compostelán da USC acollerá hoxe pola tarde un encontro similar na facultade de Xeografía e Historia.