Granxas chairegas perderon máis dunha vintena de reses nos últimos días por ataques de lobos

C. López

LUGO

08 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A de Pedro Fernández non foi a única explotación da comarca de Terra Chá que os lobos atacaron nos últimos días. A este gandeiro de Crecente, no concello da Pastoriza, os cánidos matáronlle o domingo cinco ovellas e deixáronlle feridas outras tantas, pero nas xornadas anteriores xa se produciran outros ataques, que tiveron como consecuencia a morte de polo menos unha vintena de reses, entre gando ovino, vacún e cabalar.

Polo de agora, o municipio máis afectado está a ser o da Pastoriza, e particularmente a parroquia de Crecente, aínda que os lobos tamén causaron danos en explotacións das parroquias de Cadavedo, Lagoa, Reigosa, Álvare, Fonmiñá e Aguarda. No veciño concello de Abadín, sábese que houbo ataques en Montouto, aínda que non se descarta que tamén se producisen noutras aldeas.

Unha característica común a todos estes danos e mortes de animais causados polos lobos é que na maior parte dos casos producíronse en fincas que estaban moi preto -algunhas, a apenas dez metros-das vivendas dos donos das reses e en espazos de tempo moi curtos. Non existe tanta coincidencia en canto á hora na que se produciron os ataques, xa que algúns tiveron lugar a plena luz do día e outros de madrugada.

Polo que respecta aos animais mortos, a maior parte das ovellas que os lobos deixaron sen vida estaban preñadas e próximas ao parto, polo que as perdas foron aínda maiores. No caso do gando vacún, mataron desde crías pequenas ata xatas de máis dun ano, mesmo atacaron a unha vaca que estaba convalecente dun parto e que acabou morrendo desangrada.

Algúns gandeiros, como Pedro Fernández, puideron ver os lobos que atacaron o seu rabaño. Neste caso foron dous. Outros non chegaron a velos, pero si viron as súas pegadas, e por elas puideron deducir que se trata de exemplares grandes. Esta serie de ataques teñen moi preocupados aos gandeiros das parroquias citadas, que tiveron que estremar a vixilancia.