Pontes ante a crise

Xesús Mato

LUGO

22 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ante todas. Económicas, políticas, relixiosas, ecolóxicas, éticas, morais e xeracionais. Unha delas moi grave é o descenso de poboación en Galiza. Para os dez vindeiros anos, din que 85.000. En Lugo, (estatística INEM) perderá 20.162 persoas. Á conta do campo.

A orixe dalgunhas delas procede e chega desde persoas e estamentos obrigados, por lei e función, a seren os máximos responsables en axudar a fomentar e tender pontes entre a sociedade plural para asentar nela a xustiza e a igualdade como base da convivencia.

Estamos a contemplar o contrario. Reinan os abusos e as desigualdades na economía (Caixas, Bolsa, Grupos presión); na política (loitas polo poder, leis aloucadas, eleccións permanentes); na ecoloxía, deixando que o mundo se emporque. Desde a Igrexa oficial xorden ameazas de excomuñóns, anatemas e censuras. Non foi esa a linguaxe de Xesús.

Hoxe é a festa de Cristo Rei. Unha realeza que, daquela, descolocou a Pilatos, E, agora, descoloca e descualifica aos gobernantes e poderosos do noso tempo. Xesús reina desde actitudes que veñen da verdade, da xustiza, do amor... e que se traducen no servizo e na entrega aos demais. Para iso veu ó mundo. Para iso son elixidos os nosos gobernantes.

Hai respostas para as crises. Non abonda con detectar a realidade. Cómpre implicarse. Facerse cargo. Ao xeito de Cáritas Cos inmigrantes, cos parados, cos pobres. Máis de nove millóns de persoas foron atendidas perante os anos 2008 e o que levamos do 2009. Entrega e misericordia é o que nos pide o Advento cristián que prepara o Nadal.

Temos a obriga de tender pontes cara a igualdade que é o camiño para a fraternidade.